A Costa da Morte está presente no recinto feiral do BEC de Bilbao, na EXPOVACACIONES, a través do Plan de Dinamización Turística. Nesta ocasión, ademais dos materiais divulgativos habituais, o PDT programou un acto de presentación dos produtos gastronómicos de Bergantiños, Soneira e Fisterra. Nesta ocasión foi o percebe do Roncudo, o longueirón de Fisterra, o polbo de Muxía e o pan de Carballo, os que centraron a degustación gastronómica.
No acto, no que estiveron presentes representantes dos sectores turísticos de diferentes comunidades da península, contouse coa presenza da Consejera de Turismo Vasco, Ana Agirre, que destacou a calidade dos produtos presentados e comprometeuse a colaborar co futuro Consorcio de Turismo para que se establezan canles que favorezan o desprazamento de turistas vascos aos concellos da Costa da Morte. Un destino do que destacou ademais da súas excelencias gastronómicas, a súa historia, as súas xentes e a súa paisaxe. Ana Agirre mantivo unha longa conversa co Vicepresidente da Deputación da Coruña, o nacionalista Pablo Villamar, na que se abriron portas para a futura colaboración das dúas administracións na promoción turística.
O PDT quere agradecer a colaboración dos concellos de Coristanco, aínda que a tempada impediu que a pataca puidera estar presente nesta feira, Fisterra, Ponteceso, Muxía e Carballo pola colaboración na celebración deste evento que Villamar definiu como un rotundo éxito da gastronomía do territorio da Costa da Morte, xa que centos de persoas puideron saborear a alta calidade dos produtos ofrecidos.
A oferta galega en EXPOVACACIONES ten, polo tanto, un nome propio, A COSTA DA MORTE.

O recente recoñecemento do faro de Fisterra como Patrimonio Europeo terá o seu reflexo na 28 edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebra no parque feiral Juan Carlos I de Madrid dende o 30 de xaneiro ao 2 de febreiro.
Dentro do programa de actos previsto para a xornada inaugural, ás seis da tarde terá lugar a presentación da Costa da Morte como destino turístico aos medios de comunicación, con ´Fisterra, Patrimonio Europeo´ como lema.
A esta importante cita acudirán o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; o director xeral de Turismo, Rubén Lois; o vicepresidente e responsable da área de Turismo da Diputación da Coruña, Pablo Villamar; o alcalde de Fisterra, José Manuel Traba, e o presidente da Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte, Manuel L. Pan.
MATERIAL DIVULGATIVO
Por outra banda, o Plan de Dinamización Turística da Costa da Morte (PDT) formará parte do stand de Galiza en FITUR; durante a celebración da feira, o PDT distribuirá material divulgativo da zona, entre o que destacan os folletos sobre recursos patrimoniais e naturais da Costa da Morte e a nova guía turística que foi difundida con grande éxito na Feira de Turismo de Interior (INTUR), celebrada en Valladolid, e na Feira de Turismo de Lugano (Suiza).
Ademais, durante esta mesma xornada e en colaboración coa Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM), sortearase unha fin de semana no Hotel O Semáforo de Fisterra.
O Plan de Dinamización Turística da Costa da Morte ven de publicar unha serie de folletos turísticos sobre a Costa da Morte, nos que difunde ampla información sobre diversos aspectos desta zona turística.
As publicacións foron editadas en cinco linguas (castelán, galego, inglés, portugués e italiano) para facelas accesibles aos turistas chegados de distintas partes do mundo e, cada unha delas está adicada a un dos atractivos da zona. "Festas e turismo activo", "espazos naturais", "historia e patrimonio", "o megalitismo e o culto ás pedras" e "museos e centros de interpretación" son os títulos de algúns destes folletos, que se completan con outros de temática máis xeral "Costa da Morte" e a máis extensa "Guía xeral da Costa da Morte".